Sin título-3

Conciliatardes en Vilagarcía de Arousa

O programa Conciliatardes abre o período de inscrición para o curso 2016/17
A Área de Servizos Sociais da Concellería de Benestar Social e Igualdade porá en marcha o vindeiro curso escolar unha nova edición do programa de conciliación da vida laboral e familiar Conciliatardes. Trátase dun programa socio educativo de atención fóra do horario escolar de nenos de 3 a 8 anos de idades cuxos proxenitores non poden coidalos polas tardes por motivos laborais ou formativos. O prazo de inscrición vai do 7 ao 25 de xuño.
08.06.2016.- Poderán participar no Conciliatardes nenos e nenas nados entre o 1 de xaneiro de 2008 e o 31 de decembro de 2013 empadroados no Concello de Vilagarcía de Arousa, que formen parte dunha unidade familiar na que ambos proxenitores ou titores teñan unha actividade laboral ou participen nun proceso de formación regrado ou oficial, no horario de desenvolvemento do servizo.

Ademais, poderán acceder ao servizo nenos e nenas que forman parte de unidades familiares que, non cumprindo o requisito de actividade laboral, formen parte do Programa de Educación e Apoio Familiar ou de Proxectos de Inclusión no ámbito dos Servizos Sociais Comunitarios.

O Conciliatardes desenvolverase durante os meses de outubro de 2016 a xuño de 2017 no Centro de Formación Matosinhos. O horario establecido será de 15:30 a 21:00 horas, podendo solicitar xornada parcial ou completa nas situacións nas que queden debidamente xustificadas por ocupación laboral ou formativa nese mesmo horario.

No caso de haber máis solicitudes que prazas, se accederá ao servizo tendo en conta a orde de puntuación acadada na baremación. Resérvanse oito prazas para aquelas unidades familiares que tras a valoración dos técnicos dos Servizos Sociais sexa aconsellable a súa asistencia ao Programa. Terán acceso directo ao servizo, as unidades familiares, nas que a nai se atope en situación de violencia de xénero.

A cota máxima mensual por xornada completa é de 80 euros e 40 para a media xornada. On obstante a cota reducirase en función do nivel da renda da unidade familiar para o cal se terá en conta o IPREM. Así, haberá usuarios que poidan acudir de balde ao servizo e outros que so paguen o 25%, 50% ou 75% en función dos ingresos.
A maiores, establécense descontos do 20% para familias numerosas, monoparentais e para o segundo irmán asistente ao programa.

As bases que rexen o Conciliatardes poden consultarse no taboleiros de anuncios da web municipal. Nelas figuran os requisitos para acceder ao servizo, os criterios de baremación e a documentación a aportar. Os formularios para solicitar a praza tamén se poden imprimir dende o taboleiro da web.

As solicitudes deben presentarse no rexistro Xeral do Concello entre o 7 e o 25 de xuño.

INFORMACIÓN RECOGIDA DE www.vilagarcia.es